domingo, 20 de abril de 2008

Comeza o prazo de inscrición para o concurso 'Déixao e Gaña 2008'


A Consellería de Sanidade abre o prazo de inscrición para a sexta edición do concurso 'Déixao e Gaña 2008', unha iniciativa para deixar de fumar.

A Consellería de Sanidade convoca a sexta edición en Galicia do concurso Déixao e Gaña, invitando a participar ás persoas maiores de 18 anos que fumen diariamente hai máis dun ano, a deixar de fumar, polo menos, durante catro semanas, do 18 de maio ao 15 de xuño do presente ano. A cambio, poderán gañar -ademais de saúde para eles mesmos e para as súas familias e contorno- viaxes, estadías en balnearios ou outros interesantes premios.
Cada concursante será apoiado por unha ou dúas persoas do seu contorno persoal ou laboral que fan de testemuña, e que o axudarán no seu intento de abandono do tabaco. As testemuñas, no caso de non fumar, tamén terán o seu premio.

Cómo participar

Poderán participar no concurso as persoas maiores de 18 anos, residentes en Galicia, que consuman tabaco a diario, desde hai máis dun ano. O compromiso consiste en non fumar nada durante, polo menos, catro semanas -do 18 de maio ao 15 de xuño-, e as testemuñas, animaranlle a conseguilo.

As persoas interesadas poden inscribirse antes do 18 de maio de 2008, a través do teléfono gratuíto 900 101 164, de luns a xoves, de 9 a 14 horas, e de 16 a 19 horas, e os venres de 8 a 15 horas. A inscrición tamén pode realizarse a través da páxina http://www.deixaoegaña.com/; ou enviando por correo a tarxeta de solicitude –editáronse máis de 300.000- que atopará nos hospitais, centros de saúde, farmacias, concellos, centros administrativos, campus universitarios e entidades colaboradoras da Rede de Centros Promotores de Vida sen Tabaco en Galicia.
Ademais, poderase tamén formalizar a inscrición simplemente depositando a tarxeta de solicitude nas hurnas colocadas nas mesas informativas que se organizarán nos hospitais, centros administrativos, superficies comerciais e outras entidades colaboradoras. Só se admitirá unha tarxeta por participante fumador, aínda que unha mesma persoa pode ser testemuña de varios concursantes fumadores.
Para constatar a abstinencia das persoas participantes, a Dirección Xeral de Saúde Pública, como organizadora, poderá contactar cos participantes e as testemuñas, así como realizarlles as probas diagnósticas oportunas para esa constatación: medición de monóxido de carbono (CO) en aire espirado, e determinación de metabolitos da nicotina na urina.

Premios motivadores ademais de saúde

As persoas que consigan deixar de fumar poderán gañar unha viaxe ao Caribe ou ás Illas Canarias, tres fins de semana con servizo de balneario, un ordenador portátil e unha televisión.
As testemuñas que non fumen poden optar a un cruceiro polo Mediterráneo, dúas fins de semana con servizo de balneario, unha fin de semana de turismo rural, un vale de compra de 300 €, unha cámara dixital, un MP4 ou un navegador GPS.
Ademais, sortearanse diferentes premios especiais: unha fin de semana con servizo de balneario para socios Sanitas, médicos colexiados en Galicia, e farmacéuticos colexiados na Coruña ou en Pontevedra. Para as mulleres embarazadas, un vale de compra de 500 €, e un premio sorpresa para testemuñas que participan no concurso escolar “Clases sen Fume”.


2 comentarios:

Anónimo dijo...

Hola Conchi, gracias por dejar esta información aqui, asi, me he apuntado a esta aventura. ¡Mira que si encima de ganar en pulmones gano un viaje! Bueno, en fin, que eres genial, este blog está fenómeno y que vales un montón. Besos. Soy Chus, por cierto.
24-04-2008

A.V.Trasanquelos dijo...

Vaia... alégrome un montón! Sorte e non perdas a forza de vontade -que sei que a tés- e a ver se animas a máis xente na parroquia.
Saudos e saude
Ahhh e gracias por visitarnos!