martes, 17 de junio de 2008

8,6 millóns de fondos FEDER para a recuperación da conca do Mandeo

No proxecto integráronse os concellos de Betanzos, Aranga, Bergondo, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Oza dos Ríos, Paderne e Sobrado.

A Deputación da Coruña recibe 8,6 millóns de fondos FEDER para a recuperación da conca do Mandeo

16/06/2008

A Deputación da Coruña recibiu unha achega de 8,6 millóns de euros dos fondos FEDER da Unión Europea para o desenvolvemento do proxecto de recuperación da cunca do Mandeo, actuación na que están integrados os concellos de Betanzos, Aranga, Bergondo, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Oza dos Ríos, Paderne e Sobrado.

Esta achega da UE compleméntase cun investimento doutros 3,8 millóns de euros que a Deputación da Coruña financiará con fondos propios no trienio 2008-2010, segundo o programa de investimentos desenvolvido pola institución provincial. O proxecto do Mandeo terá, en consecuencia, un investimento total de 12.400.000 euros. O presidente provincial, Salvador Fernández Moreda, fixo unha valoración moi positiva do compromiso da Unión Europea con este proxecto, que emana do diagnóstico realizado no Plan estratéxico da provincia, aprobado o pasado ano, e realizado pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, e as universidades da Coruña e Santiago de Compostela.

DESCRICIÓN DO PROXECTO

O proxecto MANDEO ten como obxectivo a optimización do uso da auga e a calidade do ecosistema fluvial na conca do río. Para conseguir a rexeneración desta conca construiranse ou melloraranse as infraestruturas de abastecemento e saneamento, crearanse centros de observación e formación, restauraranse áreas degradadas ambientalmente, reducirase a contaminación, realizaranse cursos de formación aos técnicos municipais, campañas de sensibilización da poboación e programas educativos cunha unidade didáctica ambiental.

Crearase unha web do proxecto como leito de participación cidadá e medio de difusión das actuacións que se vaian executando, segundo consta na proposta presentada pola Deputación da Coruña diante da Unión Europea.

No hay comentarios: