jueves, 21 de agosto de 2008

Medio Rural iniciará a vacinación preventiva de gando bovino, ovino e cabrún contra a lingua azul


O programa de inmunización da cabana gandeira contra a lingua azul desenvolverase de setembro a decembro de 2008 en Galiza, con dúas doses de dúas vacinas subministradas a un total de 1.400.000 animais. Cataluña e Aragón comezaron a vacinación neste mes de agosto ante o avance da circulación viral en territorios próximos (Francia, Navarra e País Vasco).



A Consellaría do Medio Rural procederá á vacinación de 1.400.000 vacas, ovellas e cabras nos próximos meses fronte aos dous serotipos do virus da lingua azul que poden afectarlle á cabana galega, co obxectivo de controlar a enfermidade a través da actuación preventiva anticipada. Esta vacina non terá custe para os gandeiros, xa que se asumirá con fondos públicos, e se lle aplicará a todos os ruminantes de máis de 3 meses, que quedarán inmunes 60 días despois de recibir a segunda dose.

A constatación do incremento de circulación do virus da lingua azul na Cornixa Cantábrica e a confirmación de novos focos en Euskadi, Cantabria e Asturias, así como a detección de animais infectados incorporados a explotacións galegas procedentes de zonas de risco (de Francia e Alemaña, principalmente) foron determinantes para a toma da decisión de vacinar a cabana galega, xa que esta época do ano coincide coa de máxima actividade do vector (mosquitos do xénero culicoides) o que incrementa o risco de difusión.

Neste momento existe dispoñibilidade de vacina fronte aos serotipos do virus que lle poden afectar á cabana galega. Galiza sumaríase así ás medidas recentemente adoptadas por Cataluña e Aragón, comunidades que actualmente están libres da enfermidade, igual que Galiza, aínda que ameazadas polo seu avance no norte do Estado español e en Europa. Esta actuación preventiva ten o obxectivo de evitar a propagación da epizootía.

Medio Rural solicitou a declaración de Galiza como zona restrinxida ante o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño para a súa publicación no BOE, preceptiva para poder aplicar a vacinación preventiva da lingua azul. A declaración de Galiza como zona restrinxida debida á vacinación non terá repercusión importante no comercio de gando xa que, por unha banda, os animais vacinados terán liberdade de movemento e, por outra, as principais comunidades de destino dos animais galegos menores de 3 meses (destinados a cebo) tamén forman parte da mesma zona restrinxida, polo que non será necesario achegar garantías sanitarias especiais para a realización deses movementos.A Consellaría do Medio Rural lembra que a lingua azul é unha enfermidade vírica que lle afecta exclusivamente ás especies gandeiras, sen ningunha incidencia na saúde pública.

No hay comentarios: