martes, 2 de septiembre de 2008

As axudas do Plan Renove de Electrodomésticos poderán solicitarse a partir do 15 de setembro


A Consellería de Innovación e Industria recorda que a partir do 15 de setembro os consumidores xa poderán substituír electrodomésticos antigos por aparatos de alta eficiencia enerxética solicitando as axudas do Plan Renove de Electrodomésticos 2008. Dende o 15 de setembro, o Plan estará en vigor ata o 30 de xuño de 2009.

Pola súa parte, os comerciantes están en tempo (ata o 15) para formalizar a súa adhesión ao Plan Renove, para o cal teñen que cubrir os formularios dispoñíbeis na páxina web do Inega (www.inega.es). No caso dos comerciantes que xa colaboraran co plan o ano pasado non teñen máis que confirmar a documentación entregada ao Inega no seu día ou achegar aquela que sufrise algún cambio. O Inega comunícalles aos comerciantes a aceptación e envíalles as claves necesarias para o acceso á aplicación web.
Innovación e Industria recorda tamén que o Plan Renove 2008 amplía o abano de electrodomésticos subvencionábeis. Se ata o de agora se apoiaba a substitución de lavadoras, lavalouzas e frigoríficos combi, este ano tamén son obxecto de axuda a renovación de fornos eléctricos e placas de cociña de indución e de gas.
A contía das subvencións varía entre os 50 e os 125 euros, en función do electrodoméstico do que se trate e da súa clasificación enerxética, valorándose máis a maior eficiencia. En calquera caso, a porcentaxe de subvención non pode exceder do 25% do custe do aparato.
O usuario só terá que achegarse a un establecemento adherido ao Plan e mercar un dos electrodomésticos citados con eficiencia enerxética clase A ou superior, a un prezo que xa inclúe a minoración do importe da axuda. A continuación, o comerciante cumprimentará o formulario de solicitude que terá ao seu dispor na páxina web do Inega e que asinará o comprador. A relación posterior unicamente se establece entre o Inega e o establecemento comercial, que se compromete a enviar o antigo equipo para a súa reciclaxe e a tramitar no INEGA as solicitudes realizadas a mes vencido coa correspondente documentación para o pagamento do seu importe total por parte do Instituto.

No hay comentarios: